Friday 29 de March de 2024

O Programa Municipal de Actividades Culturais e Deportivas 2021-2022 superou os mil participantes


O Concello está a ultimar o programa de actividades de verán.

O programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno 2021-2022 está a punto de finalizar. As últimas citas serán as exhibicións das escolas municipais de zumba kids e de patinaxe que se realizarán este sábado pola mañá durante a celebración do Día do Deporte, no que tamén estarán representadas outras actividades do programa municipal como o tiro con arco, xadrez, fútbol sala, ximnasia de mantemento e aquagym.

Desde o pasado mes de novembro e ata esta semana o Concello da Laracha ofertou un total de trinta e unha propostas diferentes, das cales catorce foron dirixidas ao público infantil e outras dezasete, a adultos. Os obxectivos esenciais do programa foron potenciar os estilos de vida saudables coa práctica de actividades deportivas, facilitar a conciliación das familias con nenos ao seu cargo e ofrecer posibilidades de aproveitamento do tempo de ocio dos laracheses.

O mellor indicativo da boa acollida e valoración das diferentes propostas por parte da veciñanza son os datos de participación rexistrados. Superouse a cifra das mil inscricións, un volume moi destacado considerando as circunstancias especiais deste curso e as restricións que foi preciso aplicar especialmente durante os primeiros meses en cumprimento das normativas covid. Preto do setenta por cento dos participantes foron adultos e o trinta por cento restante, nenos.

O Concello, para facilitar o acceso da veciñanza en xeral a estas actividades, apostou por descentralizar a oferta levando propostas a todas as parroquias, e tamén aplicou descontos nas cotas de inscricións a todas as persoas a partir da segunda actividade e xa desde a primeira a menores de idade, persoas maiores de 65 anos, familias numerosas e familias nas que todos os seus membros se atopaban en situación de desemprego.

O curso que mellor acollida tivo foi o de ximnasia de mantemento, no que participaron un total de 165 persoas entre as dez parroquias nas que se realizou. Outras das actividades que mellor acollida obtiveron considerando os datos de asistencia foron ioga, pilates, cociña, pequecociña, zumba, zumba kids e as diferentes propostas de informática.

Unha vez finalizado este programa de actividades de inverno, o Concello xa está a ultimar o contido do programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá entre os meses de xullo e agosto e que tamén incluirá propostas culturais e deportivas dirixidas a todos os públicos, especialmente ao infantil e xuvenil.